Fontes consultadas

2016-05-10

 

O presente web fai parte dun proxecto máis amplo no que José Enrique Benlloch del Río ten traballado con numerosas fontes:
  • no Arquivo do Reino de Galicia, documentos de distintos fondos: Torre Xunqueira (mediados do s. XIV), Martínez Barbeito, e sobre todo da Real Audiencia de Galicia (a partir de 1500);
  • da Chancelería de Valladolid (ARCV), documentos microfilmados e transcritos sobre fidalguía de escribanos, como o caso de Broz de Castro;
  • do Arquivo Histórico Universitario de Santiago, protocolos de Corcubión, que inclúen maiormente notarios da xurisdición, aínda que os hai tamén de Soneira e de Xallas. O autor escolmou corenta notarios cun total de 148 protocolos, incluíndo:
    • toda a produción documental de Francisco Ardeleiros Romero de Leis, de dilatada carreira;
    • toda a produción do notario apostólico Miguel García de Seixas, aínda que en volume é inferior á do anterior;
    • transcribiuse a metade da produción de Juan Péres;
    • estudouse igualmente a metade dos protocolos do notario de guerra e mariña Claudio Estévez Bermúdez de Castro
    • analizouse tamén o labor do escribán apostólico Cristóbal Trillo Bermúdez;
    • de cada un dos restantes notarios o autor fixo calas de entre un e tres protocolos, para ver aspectos concretos: clase de notario, confirmación de xurisdición, contido protocolario, etc;
    • Total de protocolos lidos ao longo dos anos de investigación: 148, cunha media de 40 páxinas (20 follas), suman unhas 5920 pp;
  • do Archivo Histórico Nacional, documentación das seccións da Inquisición e do Clero, en relación a un escribán de Muxía;
  • tamén se consultaron arquivos particulares de Muxía, que aportaron datos puntuais de escribáns e a súa relación cos foros do priorado de Moraime.