Xurisdicións sen notarios

2016-12-11

 

Nalgunhas das xurisdicións reflectidas neste traballo non van constar, ou non constan de momento, escribáns vinculados. Neste texto explícase por que, vendo cada un dos casos.

A xurisdición de Berdeogas pertencía á casa de Amarante, de Antas de Ulla (Lugo), onde tiña varias parroquias, o castelo e a casa matriz. É posible que Berdeogas lles pertencese por parentesco. Cónstanos que un escribán de Baíñas actúa en 1762 alí: Benito de Alvite. Porén non se pode dicir que fose daquela xurisdición. Sendo esta tan pequena non podería ela soa manter un notario, nin el podería gañar o sustento con tan pouca poboación.

Da xurisdición do Allo diriamos o mesmo, moi pequena para contar con escribán propio. Entendemos que seguramente recorrerían aos servizos dos de Xallas ou Soneira.

De Xallas só se analizan como mostra un par de freguesías, aínda que tiña máis.

Do arciprestádego de Céltigos tamén se contemplan unicamente un par de parroquias. Unha delas, Brandomil, ten en 1712 un veciño, Domingo Trillo Soneira, que é escribán de S. M. (Su Magestad). Mais non é escribán de número, é dicir, non é titular desa parroquia. Supomos que similar sería en 1752 o caso do notario de S. M. Francisco Bernardo Trillo, actuante en Xallas, A Barcala, Negreira, etc.

Da outra parroquia considerada no arciprestado de Céltigos, Muíño, non se cita escribán.

O arciprestado de Soneira si tiña notarios, mais non se incorporaron aínda ao banco de datos porque o foco de estudo foi Nemancos. Entre os escribáns de Soneira contáronse Roque Francisco Andrade y Romero, Francisco Andrade, Juan Antonio Anido García, Rodrigo Antonio Añón Bentureira, Manuel Antonio Añón Cisneros e Manuel José Añón Cisneros.